domingo, 18 de diciembre de 2011

Porque o dis ti...

Canso de agardar por se a renovada xunta reitora tería a ben publicala acta da asemblea celebrada o pasado 19 de xuño, unha vez mais terei que publicala miña particular versión. Recapitulemos.

As 20:08 do serán, con oito minutos de atraso, e coa presenza de 98 comuneiros e comuneiras, 2 máis dos esixidos no quórum para segunda chamada, comezou a asemblea na que o señor presidente tentou convencernos «con bastante éxito, por certo, porque ninguén ousou levarlle a contraria», que a tardanza en convocarnos en 13 meses obedeceu a que estaba á espera de que a Xunta de Galicia se pronunciase sobre posibles subvencións e... por culpa das eleccións municipais. Toma Moreno! E quedouse tan pancho.

Despois de dar lectura a acta anterior, como é normal despois de tanto tempo, ninguén se lembrou de que o que pasou nesa asemblea pouco ten que ver co recollido na acta, algo normal, se consideramos que noutras ocasións e como menos espazo de tempo, tampouco se lembran. Outra cousa é que nesa semana se publicase a acta como se fai noutras comunidades e como facía eu, pero iso non interesa, canto mais escurantismo moito mellor.

Segundo punto: O vicepresidente da lectura ao censo e ao remate indica que se produciron algunhas baixas por falecementos e porque os seus familiares non se puxeron en contacto con eles. Tamén indica que se produciron novas incorporacións. De seguido explicou como quedaba o quórum esixible para as próximas asembleas. Para o 50%, para o 30%, ...e para o 25%. Novamente volven á faltar a verdade, porque como xa teño dito, e así llo expliquei no seu día, os nosos estatutos non contemplan esa posibilidade. É unha cuestión de léelos e saber interpretalos e non falar por falar.

Con respecto ás novas incorporacións, na primeira non me quedou ningunha dúbida, xa que o novo comuneiro xunto coa súa dona son oriúndos de Nebra, non pasa o mesmo coa incorporación producida na aldea de Calo. Ao remate da asemblea un comuneiro comunicoume que esa familia non podía ser admitida porque comprara recentemente a casa. Pois ben, como máximo responsable da comunidade o presidente debería saber isto e que os novos comuneiros, salvo os oriúndos, teñen que levar residindo un ano en Nebra antes de poder ser aceptados.

Terceiro punto: Entregouse unha copia do balance anual a todos e o tesoureiro xa pasou de explicalas contas, engadindo unha simpleza: que todo mundo sabia sumar e restar. Nada dixo de se as partidas gastadas foran debatidas e aprobadas previamente pola asemblea xeral ou pola xunta reitora.

Cuarto punto: A escusa para a dimisión do vicepresidente e tesoureiro polo visto era para que se incorporaran á directiva algunhas mulleres «sic». Teño escoitado infinidade de desculpas, pero como esta ningunha, pero se a maioría traga...

Outra cuestión é que o presidente exclúe ao resto de comuneiros e comuneiras para poder ocupar ditas vacantes, aducindo que quere xente da súa «confianza». Agora entendo porque nalgunhas administracións e asociacións entran só os amigos do alcalde, do presidente, etc.

O comuneiro Luís fai unha interpelación por este nomeamento a dedo e porque o presidente non solicita votacións. O vicepresidente dille que non era o máis indicado para intervir, xa que como seu antecesor no cargo e ante a ausencia do presidente, ocupara de xeito irregular dito cargo. Luís contéstalle que ante a ausencia do presidente, el, coma vicepresidente, era o representante legal da comunidade.

O vicepresidente respostalle que dado que o presidente ausentarase máis de tres meses, estaba obrigado estatutariamente a convocar eleccións. Luís indícalle que iso no é verdade. O presidente córtao, espetándolle: Porque o dis ti...

Así a secas, sen tan sequera darlle tempo a unha replica ou como mínimo, como debería ser, cando hai discrepancias, amosarlle en que artigo dos estatutos se baseaban para facer dita acusación, remataron coa discrepancia.

Examinada a Lei de Montes e os Estatutos, nada se fala diso. A cuestión é porque se cala cando se producen esas presuntas irregularidades e se soltan todas xuntas anos despois. Polo menos, no seu día, eu tiven a referencia de dicirlle que ante a falta de oposición regulasen esa situación.

Quinto punto: Aprobase emprender accións xudiciais contra NISSAN porque dende que se comprobou o coche da comunidade, leva rotos tres embragues. Descoñezo a que é debido este feito, pero así como coidamos como ouro en pano as nosas propiedades, tamén debemos esmerar, se cabe mais, as comunitarias. A bo entendedor...

Sexto punto: Dáse conta do acordo con un vogal-gandeiro e co presidente «non especifican cando e onde o aprobaron» polo cal farán uso dos peches gandeiros, poñendo o primeiro varias eguas e o segundo un cabalo semental e froito desa sociedade, doarán unha cría á comunidade. Outro punto que tampouco se votou, quizais para non arriscarse, xa que como denunciei aquí, xa estaban facendo uso dos peches.

Sétimo punto:
Industria do toxo.- Xa perdín a conta das ideas que xurdiron ao longo das lexislaturas polo futuro do noso monte que non levamos á práctica, que esta paréceme que leva o mesmo camiño. Quedaron en invitar a unha empresa para darnos unha charla sobre o aproveitamento do toxo para abonos e medio ano despois, parece que non atoparon día propicio.

Coñezo de primeira man como funciona este sistema gracias a Ramon Lourido, co que departín sobre o seu proxecto xunto con directivos doutras comunidades nunha comida ó remate dunha asemblea da Organización Galega de Comunidades de Montes, e pareceume unha idea a estudar. Daquela parece que a outros non.


Pistas.- Neste punto hai discrepancias dalgúns comuneiros e vogais co presidente por como se acometeu a reparación de varias pistas sen pasar pola xunta reitora ou pola asemblea pero este de novo corta toda discusión aducindo que o que interesa é que están feitas. Tamén engade que as discusións na xunta reitora non foron por ser reparadas sen ser aprobar polos vogais ou incluso por tódolos directivos, se non, por como quedaron «sic». Quédanos a dubida de saber cantos directivos, dos catro, aprobaron entón estes traballos, como o decidiron e con que presupostos contaban.

Unha vez mais o que acontece na nosa comunidade, é un calco do que pasa noutras ou mesmo concellos. Os directivos ou gobernos fan e desfán ó seu antollo. Explícao moi ben na súa conta de facebook este partido político.
Pretenden que sexamos meros monicreques que vaiamos alí unicamente a levantar a man”, sinalan “algo que non estamos dispostos a admitir porque no Pleno é onde reside a soberanía do pobo”.
Como ben digo xa non fai falla que levantemos as mans, pero as asembleas, mentres non troque a Lei de Montes ou os Estatutos, segue a ser onde reside a soberanía dos comuneiros e comuneiras. Outra cousa é Ditadura, pura e dura.

No hay comentarios: