lunes, 27 de noviembre de 2017

95 anos dos Sucesos de Sobredo ~ Mesa Redonda: A Voz das Familias

O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo –IEAMSo- organiza este martes día 28 unha Mesa Redonda baixo o título “A voz das familias”, na que interveñen representantes das familias dos Mártires de Sobredo; terá lugar na Sala Félix Rodríguez, con acceso na parte traseira da Área Panorámica de TUI, a partir das 20:00 Hs, (oito da tarde).

A actividade prográmase no día 28 de novembro, data do 95 aniversario dos sucesos de Sobredo; nos que perderon a vida: Cándida Rodríguez de Pazos de Reis, Venancio González de Budiño, e Xaquín Estévez de Soutelo, ao ser reprimida a tiros unha concentración opóndose ao embargo de bens dun veciño por non pagar o foro; un imposto medieval que permanecía sobre as terras en pleno século XX.

Coa Mesa Redonda, dentro do ciclo de actividades tituladas “Sobredo, 95 anos despois”, dáselle a palabra ás e aos descendentes das persoas falecidas nos tráxicos sucesos; para así poder contar coa súa testemuña e memoria que se transmite de xeración en xeración.

O IEAMSo pecha con esta Mesa os actos de conmemoración anual dos feitos; o domingo 26 de novembro desenvolveuse ao pe do Monumento aos Mártires un acto cívico, coas intervencións de Xosé Alfredo Pereira da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais, e Alba Nogueira profesora na Universidade de Santiago e neta do escultor Camilo
Nogueira, autor do monumento.

Nesta liña de traballo, co obxectivo de manter vivos na memoria os sucesos acontecidos en Sobredo o 28 de novembro de 1922, enmarcados na loita agraria e que remataría coa redención dos foros, o IEAMSo que traer Sobredo á actualidade e reivindicarmonos os valores solidarios e construtivos na procura dunha vida máis xusta, inspirándose nos principios que moveron á sociedade daquela época.

Agardamos contar coa vosa presenza no acto; e, de antemán, agradecemos a súa difusión.

Recibide un saúdo.
En nome do IEAMSo

Marga do Val
Tfno: 626 37 37 38

No hay comentarios: